2 may. 2018

A V Andaina polos montes de Vigo foi presentada no Concello de Vigo


Este mércores, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a V Andaina polos Montes de Vigo, xunto aos responsables de Montes de Vigo, entidade colaboradora, e de Vegalsa-Eroski e Coca Cola, como patrocinadores. Esta proposta, que forma parte do programa municipal de educación medioambiental Camiño a Camiño, terá lugar o domingo 13 de maio.

O alcalde salientou que esta Vª edición da Andaina pretende ser unha "xornada de encontro cidadá para lembrar o desastre que supuxeron os incendios nos nosos montes e implicar á cidadanía no proceso de rexeneración dos montes", que xa se iniciou por parte do Concello de Vigo en colaboración coas comunidades de montes de Vigo. Como símbolo deste compromiso, todos e todas as participantes poderán achegar un árbore ao final do percorrido co obxecto que a partires do outono se poidan plantar. Agárdase lograr máis de 1500 árbores.

Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, definiu a Andaina como un encontro "para todos os públicos" dado que o percorrido deste ano ten previsto percorridos de 7 km, de 22 km, de 31 km e de 39 km. A ruta parte de IFEVI e pasa polos montes de Cabral, Bembrive, Beade, Zamáns, Valladares, Comesaña e Matamá. Ver máis información no folleto (premer) e inscricións aquí.



Tamén destacou que se despregará un dispositivo de cen persoas ao longo dos 39 quiómetros do percorrido, composto por axentes da Policía Local, Protección Civil, voluntarios da Comunidade de Montes, médicos, socorristas... "Pretendemos que sexa unha actividade deportiva e lúdica no que a xente se sinta acompañada e poña en valor o noso patrimonio natural".

O evento conta co patrocinio de Vegalsa-Eroski e de Coca Cola, que contribúen a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento previsto ao longo do percorrido.

Nesta Vª edición da andaina vaise propor á cidadanía viguesa achegarse a unha boa parte dos montes queimados no outono para que comproben directamente o que supuxo a vaga de incendios e todo o traballo que hai que abordar para rexenerar esta superficie devastada.


Funcionamento da Andaina
Aqueles/as interesados en participar na Andaina polos Montes de Vigo pódense inscribir ata o 11 de maio no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou na solapa Inscrición Andaina do blog de Camiño a Camiño (caminoacaminovigo.blogspot.com).


A inscrición leva asociado a aceptación do regulamento da andaina e asumir o custe do desprazamento en autobús urbano dende a Praza do Rei ata o lugar de saída e a correspondente volta, podéndose empregar a tarxeta Pass-Vigo.

O mesmo día da andaina na Praza do Rei terá lugar o proceso de control de asistencia e entregarase a camiseta conmemorativa da Vª Andaina polos montes de Vigo, e proporcionarase un kit con material de avituallamento e promocional cortesía de Vegalsa-Eroski e de Coca Cola. Tamén ao longo do percorrido poderase completar o abastecemento con bebida e alimentos enerxéticos.

Para quen participe no Percorrido curto ou na Pequerruta, cabe a posibilidade de que se realice o control de saída directamente no Parque Forestal de Monte dos Pozos, sendo alí onde se entregue a camiseta e o kit de abastecemento. No caso da Ruta adaptada necesariamente a incorporación terá lugar no Monte dos Pozos.

Unha vez chegado ao punto de saída das distintas andainas, iniciaranse as mesmas co acompañamento de persoal de organización que encabezarán os grupos e que se verán reforzados en diversos puntos críticos ou travesías por voluntarios/as das distintas comunidades de montes que se transitan.

Está previsto pechar a actividade e facer a comida no Parque forestal de Monte dos Pozos, agás os que fagan todo o percorrido, que continuarán pola tarde. A partir das 16:00 horas, estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei.